top of page

Benditas aldeas

  • 27 jul 2017
  • 8 Min. de lectura

Detalle da porta dunha casa no lugar de Chacín, en Palmeira./ © Ana Rial Maneiro

Ano 2017. A cuarta parte dos galegos -621.000 persoas- concéntrase nos concellos de A Coruña, Ourense e Vigo segundo os datos do padrón continuo publicados polo Instituto Nacional de Estadística (INE). O informe tamén apunta a que a meirande parte da poboación galega distribúese entre cidades de tamaño medio -uns 810.000 individuos- e pobos -ao redor do 30% do

total-, mais existe un pequeno grupo que opta por outro tipo de núcleo poboacional: as aldeas. Os motivos son tan diversos coma a xente que habita nelas. Ben sexa para fuxir do barullo das cidades, pola falta de oportunidades para asentarse noutro punto xeográfico ou pola decisión de querer residir onde o fixeron os seus devanceiros durante décadas ou incluso séculos.



Segundo a Real Academia Galega, unha aldea é un ''núcleo pequeno de poboación, de carácter rural e con poucos veciños.'' Agora ben, as aldeas gardan un significado oculto pois representan os lugares onde pasado e presente converxen dunha maneira moito máis íntima, máis pura. Por iso non resulta estraño que, camiñando polas súas corredoiras, poidamos sentir como se as pedras de granito que conforman as vivendas espertasen do seu letargo para musitar os ecos do afán de vidas pasadas e converternos así nas súas testemuñas. Vidas marcadas polo traballo duro, a pobreza e a fame que entraba polas portas das casas e se estendía coma unha pandemia naqueles anos da Guerra Civil Española e comezo da etapa franquista. Así o recordan o matrimonio formado por Carme Agrelo e José Santamaría, residentes no lugar de San Pedro, na parroquia ribeirense de Palmeira. Aos seus 90 anos, ela lembra como seus pais e irmáns maiores traballaban duramente co obxectivo de manter a unha familia composta por 13 membros, mentres ela axudaba no que podía tendo en conta a curta idade coa que contaba por aqueles tempos. "Os meus irmáns tiñan diferentes oficios. Por exemplo, María andaba na fábrica de madeira de Gerardo Cruzada, Manuela ía polas casas coa máquina de coser para remendar roupa, Antonio marchou a Pasajes e mandaba os cartos que podía... O meu pai era carpinteiro e facía cascos para empacar as sardiñas nos almacéns da zona de Insuela. A parte disto, traballaba como encargado no almacén de don Antonio Soler. Pero miña nai era ama de casa, nunca traballou fóra, porque non tiña a onde ir con 11 fillos. Ademais, labrábamos os poucos ferrados de terra que tiñamos, así como as leiras dos ricos e nós dábamoslle a metade do millo que collíamos, o que lle chamaban as medias. E eu como era pequena facía o que me mandaban. Ás veces levaba a nosa vaca a pastar, ía vender o leite ao pobo de Palmeira cando miña nai non podía, varría o chan que era de terra ou limpaba algunha fiestra." explica.



Cando pasaron os anos e rematou a etapa da adolescencia, Carme comezou a traballar nunha das numerosas conserveiras que se repartían por toda Palmeira ao tempo que se ocupaba das tarefas domésticas, así como do coidado dos animais e terreos que posuía a súa familia. "Casei con 21 anos e aí empecei a traballar nunha fábrica. Estiven na conserveira de Joaquín, en Insuela, e despois fun para a de Vaquero. Todo iso cando xa estaba casada para traer unha peseta máis á casa porque non había. José nunca navegara e non o chamaban para embarcar. Botou así un ano ou dous. Entón, quen nos mantiña? Pois tiña que ir eu traballar para tamén poder axudar economicamente a miña nai, porque o retiro que tiña non lle daba para vivir. E había que repartir o que eu gañaba. Despois José logrou embarcar e melloraron as cousas. Pero eu traballei moito." apunta Carme.

Aldea de San Pedro, en Palmeira./ © Ana Rial Maneiro

Aldea de San Pedro, en Palmeira./ © Ana Rial Maneiro

A pesar da difícil situación que atravesaba o noso país, a xente tentaba buscar maneiras de divertirse e abstraerse da realidade durante un par de horas. Deste xeito, eran moitos os mozos e mozas que se achegaban ás salas de baile que había en Ribeira e na Pobra do Caramiñal ou que acudían a ver algunha película ao cine de cando en vez. "Acudíamos aos bailes e o que tiña uns bos tenis quitábaos ao vir de volta para a casa. Ían descalzos para así gardalos para o domingo seguinte. Había moitos bailes como o de Villó, na Pobra do Caramiñal; o de Cambeiro, en Ribeira; ou o de Betanzos, en Palmeira. E tamén asistíamos ao cine. En Ribeira existía o Filipino e o Moraña; en Palmeira, o de Anselmo; e na Pobra do Caramiñal había o Elma." sinala José.

Lugar de Mourelos, en Palmeira./ © Ana Rial Maneiro

Lugar de Mourelos, en Palmeira./ © Ana Rial Maneiro

Pero non facía falta desprazarse moito para escoitar música, bailar, comer, beber e estar con compañía grata. Os veciños organizábanse e sabían como montar unha boa foliada. Algo que, tal e como recoñece este matrimonio de San Pedro, sabían facer moi ben os de Cudieiros. Nesta aldea, tamén pertencente a Palmeira, era moi frecuente que se armase unha boa carallada cando remataba o tempo da matanza e da colleita no campo. "O dono da casa onde se organizaba a foliada de Cudieiros era un señor maior, pero gustáballe a diversión. De feito, el ía a onde as había. Por iso, decidiu comezar a facelas nun galpón grande que tiña e despois avisaba o día no cal se celebraban. Pasábamolo moi ben aínda que non era algo formal coma as orquestras ou os bailes. Os que sabían tocaban as pandeiretas e mais a gaita. O resto cantábamos calquera cousa das que había antes. E no inverno era cando había máis foliadas, sobre todo no Entroido e nas noites grandes. Iso si, cando se realizaba a matanza do porco ou se ía ao campo tamén se celebraban. Acudía tanta xente que xa non chegaban os roxóns a nada e xa se comía pote e todo." indica Carme.



E como cabe de esperar, tamén había tempo para namorarse. Os mozos adoitaban a acompañar ás rapazas dende o lugar de traballo ata a casa e aproveitaban para sacalas a bailar cando coincidían estando de troula. José recorda aos seus 91 anos que foi así como comezou a facerlle as beiras a Carme para posteriormente acabar casando con ela e trasladarse da Pobra do Caramiñal ao lugar de San Pedro. "Eu coñecín a Carme mentres estaba traballando na casa onde se facían os telegramas. Enfronte había unha zapatería e ela levaba o leite. Era unha moza guapa, tería 16 ou 17 anos, loura... E xa deixei a meu pai, fun onda ela e comecei a meterme con ela. Tanto me metín con ela e tanto me metín con ela, ata que acabamos casando. Xa non a deixei, xa non quixen máis mozas." menciona.



Actualmente, a vivenda que Carme herdou de seus pais constitúe un remanso de paz onde o matrimonio pasa os días entretido en diversas ocupacións como, por exemplo, labrando as leiras para despois sementalas, alimentando as galiñas, debullando os chícharos ou evocando vellos tempos. "Hoxe apañamos unha carreta de patacas, fomos á compra, limpamos a casa, recibimos unha visita e xa se foi o día. Pasamos así o tempo. Sempre estamos entretidos." aclara o matrimonio.

Casas antigas no lugar de Chacín, en Palmeira./ © Ana Rial Maneiro

Casas antigas no lugar de Chacín, en Palmeira./ © Ana Rial Maneiro

Un burro e un cabalo pacendo no lugar de Chacín, en Palmeira./ © Ana Rial Maneiro

Un burro e un cabalo pacendo no lugar de Chacín, en Palmeira./ © Ana Rial Maneiro

Ao igual que San Pedro, Cudieiros constitúe un deses lugares de Palmeira onde semella que o tempo transcorre paseniño. Nesta ocasión falamos con Laura Calo quen estuda o Grao en Mestre de Educación Infantil na Universidade de Santiago de Compostela (USC). Aos seus 24 anos, a visión que ten sobre as aldeas non dista moito da que sostén o matrimonio de San Pedro. "Para min significan tranquilidade, familia, natureza, casa, descanso... É coma un paraíso lonxe dos coches, dos ruídos e dos olores. De feito, a xente da cidade escapa para as aldeas porque é casa. Eu son consciente que, como unha persoa nova que estuda, non podo planificar o meu futuro aquí. É dicir, o lugar máis próximo para traballar será Santiago ou Vilagarcía. Pero, volverei cando poida á casa familiar da aldea." manifesta.



Ademais, defende o estilo de vida destes lugares e sinte mágoa polo feito de que a xente non o saiba valorar. "Non nos falta de nada. Vives perfectamente. Eu acórdome que sendo pequena xa tiña medo de que edificasen moitos chalés e viñese vivir aquí xente que non coñecía de nada. Cando era unha cativa, as portas e as fiestras estaban abertas, os nenos andaban polas rúas, non había tráfico... Son consciente de que o meu afillado ou os fillos que poida ter nun futuro non van a vivir iso, sempre vai a ser diferente. Van construíndo casas, despois veñen os edificios e chegará un momento no cal as aldeas desaparezan. Non lle vexo futuro a tódalas que hai na actualidade porque a xente escapa das cidades para os núcleos poboacionais pequenos. Polo tanto, deixarán de ser aldeas. E isto prodúceme moita pena porque acabará esquecéndose o estilo de vida que temos aquí." declara.

Vista xeral da aldea de Cudieiros, en Palmeira./ © Ana Rial Maneiro

Vista xeral da aldea de Cudieiros, en Palmeira./ © Ana Rial Maneiro

Tampouco comprende ese clixé tan estendido que xira en torno aos habitantes destes recunchos esparexidos pola xeografía galega coma se de pequenos oasis no medio dun deserto se tratasen. "Para a maioría somos ignorantes, sen estudos, cuxa única aspiración das mulleres é a de coidar aos pais cando son maiores e a dos homes labrar e andar nos tractores. Obviamente, iso é mentira. Todo o que temos nunha aldea custa moito traballo, pero a xente nova estudou. Tamén os adultos teñen os seus estudos e empregos dignos, a maiores de traballar na terra. As persoas adoitan ter dous oficios. Por unha banda, a casa e as leiras; e, pola outra, a profesión. Hoxe en día, ese estereotipo faime graza porque resulta ridículo. E éncheseme a boca de orgullo cando digo que son de aldea, pero non son unha ignorante. Teño educación, valores." sostén Laura.



A pesar de que se ve na obriga de residir na capital galega durante o curso debido ao compromiso adquirido coa carreira, non dubida en volver á súa aldea cada vez que se lle presenta a oportunidade. "Eu teño a miña vida feita en Santiago, pero de venres a domingo volvo a Cudieiros. Ao mellor en época de exames non veño tódolos fins de semana, pero é a única ocasión. A familia é moi importante para min, por iso regreso sempre que me resulta posible. E se hai un festivo polo medio da semana, aprovéitoo. O mesmo sucede cando remato as clases, xa que veño para a casa durante todo o verán. En Santiago deixo o piso reservado para o próximo curso, pero eu veño para xunto a miña familia. O verán é descanso, familia, praia e campo. Para que vou estar en Santiago?" puntualiza.



Con respecto ao seu futuro, Laura ten moi claro o que vai facer mais dubida se continuará vivindo en Cudieiros. "Eu en Ribeira non teño futuro. A pesar de que hai moitos nenos, non son suficientes porque hai catro ou cinco escolas infantís cos seus traballadores e usuarios fixos, así como ludotecas. Polo tanto, é complicado introducirse nese ámbito aquí. Entón pretendo rematar os estudos, facer outra carreira ou un máster, traballar en escolas infantís públicas e privadas, coller experiencia e seguir formándome continuamente. Nos vindeiros anos, cando dispoña dunha base económica e laboral, agardo crear o meu propio negocio, ao meu xeito, fóra de Ribeira. Esa idea podería desenvolvela aquí, pero é máis complicado porque considero que non é o mellor educar a fillos de primas ou de amigas. No ámbito laboral prefiro a xente descoñecida e que me tome en serio. Por iso, aspiro a crear o negocio fóra e ir e vir tódolos días ou, tal e como estou facendo agora, volver a Cudieiros sempre que teña a oportunidade. Non sei o que me depara o futuro, mais depende se compartes a túa vida con outra persoa, se tes fillos... Mentres estea soa, volverei á casa tódolos fins de semana. Sen dúbida. Agora, tódolos días? Dependendo de si meus pais están maiores, pois ao mellor vou e veño. Eu quero envellecer aquí, dun xeito ou doutro." afirma.

Aldea de Rosende ao lonxe, en Palmeira./ © Ana Rial Maneiro

Aldea de Rosende ao lonxe, en Palmeira./ © Ana Rial Maneiro

Dúas historias con máis semellanzas ca diferenzas. A visión dun matrimonio que escribiu xunto o seu futuro e a dunha moza que ten un porvir cheo de proxectos. O denominador común? A vida na aldea ou a aldea que lles dá a vida, segundo se mire. Xa o dicía Rosalía de Castro en Cantares gallegos:



"¡Adiós groria! ¡Adiós contento!

¡Deixo á casa onde nacín,

Deixo á aldea que conoço,

Por un mundo que non vin!

Deixo amigos por extraños,

Deixo a veiga pó-lo mar,

Deixo, en fin, canto ben quero...

¡Qué pudera non deixar!..."





Nota: Esta reportaxe foi modificada para a súa posterior publicación na edición impresa e dixital do xornal El Correo Gallego o 27 de xullo de 2017.

 
 
 

Comentarios


bottom of page