top of page

Sálvora, a gran descoñecida

  • 25 jul 2016
  • 8 Min. de lectura

Vista da illa de Sálvora dende o peirao./ © Ana Rial Maneiro

Na bocana da ría de Arousa atopámonos con innumerables illotes, mais hai un que destaca entre todos. Xunto coas illas Cíes, Ons e Cortegada forma parte do Parque Nacional das Illas Atlánticas dende o ano 2002. O seu nome é Sálvora. Son poucos os que oíron falar dela, mais se preguntas a calquera veciño de Aguiño, parroquia á que pertence no concello de Ribeira, de seguro que lle transmitiran toda a sabedoría popular que posúen sobre ela. Naufraxios, lendas ou amores imposibles son só algúns dos relatos que envolven esta illa. Pura temática mariña que ten a capacidade de cuspilo no mar coma se dunha cuncha se tratase. E para emprender esta viaxe marítima convén mergullarnos primeiramente na súa historia. Suban porque este barco está a piques de saír de porto.



De camiño a Sálvora podemos ver numerosas formacións pétreas esparexidas ao longo da costa. Agora mesmo estamos navegando pola canle de Sagres e aquí sitúase un mito galego, o do Home de Sagres, que explica os nomes de tódalas rochas que sinalan as cartas náuticas. Trasládanos a un tempo anterior á romanización, cando os pobos celtas se estendían polo Sur de Europa e os oestrymnios vivían en Galicia. Segundo esta lenda, todo aquel que ousaba ameazar a esta tribo era obxecto dun encantamento que o convertía en pedra. O rei dun clan celta -o dos saefes- desexoso de invadir os dominios dos oestrymnios ideou un plan coa finalidade de eludir o feitizo. Casar con Forcadiña, a filla do rei da outra tribo. Desa relación nacería Noro. Pero a artimaña foi descuberta e tivo lugar o encantamento: o líder dos saefes quedou petrificado, coa lingua partida en sete anacos, e a mandíbula e as moas ciscadas polos arredores. Éste é o coñecido como Home de Sagres, unha rocha con forma humana que se atopa na illa de Sagres. A súa lingua correspóndese co illote Setelinguas. Se miran cara o Oeste de Punta Falcoeiro verán as pedras Conles Queixada, a súa mandíbula desfeita, e Moas, as súas pezas dentais. Por outra banda, tanto Forcadiña coma Noro correron a mesma sorte, repousando xunto Punta Couso e a illa de Sálvora. O resto de illotes pertencen aos restos das embarcacións e ao exército dos invasores saefes.


Algúns dos illotes vistos dende a illa de Sálvora./ © Ana Rial Maneiro

Algúns dos illotes vistos dende a illa de Sálvora./ © Ana Rial Maneiro

Agora si, xa estamos en Sálvora. Mentres baixamos da embarcación fareilles un breve repaso polo seu pasado. A pesares de que na actualidade está despoboada, foi durante moitos anos habitada polos antecesores da xente de Aguiño e Carreira. "Sálvora estaba sometida, como tamén se recolle en parte nos contos da comarca, a ataques constantes que se sabe que, arredor do século X, XI, XII chegaron ata incluso a cidade de Santiago. Subían polo Ulla arriba, atacaban Padrón... Tanto os atacantes do norte coma do sur facían unha auténtica rapiña que metía o pánico nas persoas e escapaban cara o interior e, no caso dunha illa, pois isto era superlativo. Non querían estar na illa e por iso se producían os despoboamentos." explica Antonio Piñeiro, un escritor e historiador galego. Ao igual que o resto de Galicia, a súa economía baseábase na agricultura, gandería e pesca. De feito, "Jerónimo del Hoyo instalou na illa de Sálvora unha fábrica de salgadura, unha das moitas que se desenvolveron e deron lugar a toda esta rama das conserveiras e salgaduras que había por aquí moi famosas no seu tempo." continúa. Tamén houbo un tempo no que tivo titularidade privada. "Sálvora foi detentada ultimamente polos Otero Goyanes. A familia dos marqués de Revilla detentaton a propiedade da illa: Joaquín Otero Goyanes e o seu irmán, José Antonio, que foi o que fixo esculpir a serea que hai como monumentiño recordatorio." explica Piñeiro. Ademais da aldea, consta de varios hórreos, un lavadoiro, a fonte da Telleira ou de Santa Catalina, un almacén de finais do século XVIII que foi ampliado con dúas torres outorgándolle un aire de pazo, unha antiga taberna reconvertida en capela, un faro, un peirao, un cruceiro, dous muíños e a estatua dunha serea.

Algúns dos illotes vistos dende a illa de Sálvora./ © Ana Rial Maneiro

Algúns dos illotes vistos dende a illa de Sálvora./ © Ana Rial Maneiro

Vista completa da aldea./ © Ana Rial Maneiro

Vista completa da aldea./ © Ana Rial Maneiro

Varios hórreos./ © Ana Rial Maneiro

Varios hórreos./ © Ana Rial Maneiro

Lavadoiro./ © Ana Rial Maneiro

Lavadoiro./ © Ana Rial Maneiro

Fonte de Santa Catalina./ © Ana Rial Maneiro

Fonte de Santa Catalina./ © Ana Rial Maneiro

Almacén con aire de pazo./ © Ana Rial Maneiro

Almacén con aire de pazo./ © Ana Rial Maneiro

Antiga taberna reconvertida en capela./ © Ana Rial Maneiro

Antiga taberna reconvertida en capela./ © Ana Rial Maneiro

Cruceiro visto dende o almacén./ © Ana Rial Maneiro

Cruceiro visto dende o almacén./ © Ana Rial Maneiro

Conta outra lenda que esta area pola que estamos camiñando, coñecida como Praia do Castelo ou Praia do Almacén, viu nacer a historia de amor entre o cabaleiro Froilaz e unha serea. Pero a este personaxe podemos referirnos de calquera das maneiras que hai na tradición popular da zona, xa que "pode ser un duque romano; pode ser o propio Roldán, o capitán de Carlomagno que perdeu nunha batalla e ferido veu dar aquí; ou pode ser tamén un dos persoeiros reais, de Froilaz, que está na xenealoxía dos Mariño." puntualiza o escritor. Ao parecer, cando el se dispoñía a dar un paseo pola illa para descansar atopouse cun ser, metade muller metade peixe, tendido na costa. Aproximouse e comezou a quitarlle escama por escama ata que aparecesen as pernas. Froilaz descubriu que era muda e, como a atopou á beira do mar, decidiu chamala Mariña. Ambos namoráronse, casaron e froito desa relación naceu o seu fillo Mariño. Preocupado pola mudez da súa muller, o cabaleiro confiou o seu pesar a un abade, quen lle aconsellou que lle provocase unha emoción o suficientemente forte como para devolverlle a fala. Foi entón cando Froilaz prendeu unha fogueira e simulou botar ao fillo de ambos nas lapas, causando a reacción esperada. Aínda que coma todo mito, existen diferentes interpretacións e "o que teñen todas en común sería unha paixón, unha enorme paixón, incluso ás veces raiando no erotismo. Fálase dunha esplendorosa cabeleira rubia, uns peitos turxentes, unhas sinuosas formas. É dicir, todo aquilo que se refire ao eterno feminino capaz de namorar e de embruxar a un home." comenta Antonio Piñeiro. Para el, a versión máis coñecida é a de Roldán, quen "sería o encargado dunha cousa moi común naqueles tempos que é a defensa das marcas. Unha marca é o que viríamos nós a entender como unha fronteira ou barreira entre unha cultura e outra. Media España estaba dominada polos musulmáns, entón a marca hispánica había que defendela para que non progresasen cara o norte, cara aos reinos francos e ao seu herdeiro, o Imperio Carolinxio. Roldán sería o capitán primo de Carlomagno encargado de defender a marca hispánica, tería aquel episodio desgraciado de Roncesvalles e resultaría ferido. Ferido, recolleito por un, posiblemente, navegante que o traería para libralo da escena do perigo e navegando chegaría ata Aguiño. Ata Sálvora. Unha illa deshabitada e onde discretamente poderse recuperar. E, nun dos paseos pola praia sucedeu ese episodio. Atopou unha fermosísima muller saída do mar con escamas de serea. Roldán quítallas para convertela en muller de verdade, poder quedar con ela e concibir un fillo." Deste xeito, naceu a liñaxe dos Mariño, os primeiros propietarios de Sálvora e antepasados dos marqués de Revilla. Un apelido de proxección máxima en todo o mundo que se estende "precisamente porque procede desa tradición popular que o emparenta con unha ou con varias lendas. Sobre todo, cunha das lendas máis importantes das que se refiren aos temas do mar, que está aquí en Ribeira, en Aguiño, en Sálvora." pon de manifesto o historiador.



Estatua da serea Mariña á entrada da illa de Sálvora./ © Ana Rial Maneiro

De seguido colleremos o camiño que nos leva deica o faro. Preto de alí tivo lugar un importante naufraxio. Non sei si xa escoitarían falar del. Foi o do vapor-correo Santa Isabel, tildado como o Titanic galego, que se dirixía rumbo á emigración e no cal viaxaban máis de 200 persoas, entre pasaxe e tripulación. Este embarrancou na madrugada do 02 de xaneiro de 1921 contra unhas rochas porque o capitán confundiu a distancia entre o buque e o faro de Sálvora, de tal xeito que cando se decatou do erro non tivo tempo a manobrar. O xornalista Xosé María Fernández Pazos explica que "o barco sae á unha da tarde do sábado do porto de A Coruña e á altura de Fisterra empezan a detectar a chegada dun temporal moi forte. Sobre as dez da noite hai constancia do paso do barco á altura de Cabo Corrubedo e xa dúas horas máis tarde, aproximadamente, enfila a bocana da ría de Arousa. Tiña capacidade para transportar 500 persoas. Na noite do naufraxio levaba unhas 270, aproximadamente, entre tripulación, que podía chegar a un máximo de 80, e o resto era pasaxe que embarcara nos portos de Bilbao, Santander, Xixón e A Coruña." Sen dúbida, un dos grandes accidentes marítimos da historia galega e española no cal perderon a vida 213 persoas. Houbo outras que foron rescatadas grazas ás labores de salvamento, principalmente, de catro rapazas que vivían na illa. Os seus nomes eran Josefa Parada, Cipriana Oujo, María Fernández e Cipriana Crujeiras. Tamén coñecidas como as Heroínas de Sálvora. Pura Fernández, sobriña dunha destas mulleres, sinala que "elas non lle deron ningunha importancia, a verdade. Foi un acontecemento de desgraza, pero nunca o utilizaron para vangloriarse." Dous mariñeiros retirados e veciños de Aguiño, Manuel 'de López' e Silva, coinciden ao indicar que "as mulleres de Sálvora foron salvar a moita xente. Con todo o temporal deron a volta a Sálvora e foron ao barco a coller xente que andaba no mar tirada. Viñeron dúas ou tres veces cargadas a terra con xente, co que puideron. A xente que se salvou, salvárona elas todas. Homes había tamén. Dous ou tres nunha dorna. Pero o que había eran mulleres e elas podían tanto coma eles." E tampouco nos podemos esquecer da figura de Luis Cebreiro, segundo oficial do barco. "Convenceu á pasaxe de que permanecera no bote ata que se fixera de día e el estivo con eles. Cando se empezou a facer de día, el si soltou o bote e iso foi o que os salvou. Inmediatamente chegou unha dorna que a enganchou tirada por uns mariñeiros da illa de Sálvora, ao que se unirían despois as mulleres que axudaron a arrastrar o bote ata terra e foi cando tivo lugar o salvamento desas persoas. Unhas vinte, aproximadamente. É un personaxe moi curioso porque pesaba 120 quilos e medía 2 metros. Era popularmente coñecido como 'Tonelada'. E a pesares de que a pasaxe que ía salvada no bote lle pedían que subise, el negouse aducindo de que o seu peso, dado que o bote ía moi cargado, ía afundir o bote salvavidas. Este home estivo agarrado entre dúas augas, é dicir, nadando e suxeito cunha man ao bote salvavidas durante case dúas horas. Hai que darse conta da situación na que estamos: 02 de xaneiro, a temperatura da auga, sen luz durante bastante tempo e chegou a terra e salvouse." recalca Fernández Pazos. Sen a humanidade e coraxe da xente de Sálvora resultaría imposible evitar que o mar ocasionase máis mortes. Mais esta sempre foi unha zona na cal o mar lle arrebatou a vida a moitas persoas, coma quen lle arrinca a un neno o xoguete que tanto aloumiña entre os seus brazos. Facendo memoria, Silva e Manuel poñen de exemplo o caso do "Cartagena, o Don Pedro ou o San Nicolás."

Faro de Sálvora./ © Ana Rial Maneiro

Será mellor que regresemos ao noso navío, pois esta viaxe esta chegando ao seu fin. Unha paraxe idílica, non creen? Non é de estrañar que tamén fose empregada na literatura. Sen ir máis lonxe, Ramón Cabanillas na súa obra poética titulada Na noite estrelecida publicada en 1926 facía mención a Sálvora: "Amada dos vellos deuses, mortos e esquecidos xa, que Sálvora lle chamaron, afeitos nela a atopar repouso doce e tranquilo de celestiais afáns."



Xa chegamos a terra firme. Non obstante, continúen navegando por este mare magnum.





Nota: Esta reportaxe foi modificada para a súa posterior publicación na edición impresa e dixital do xornal El Correo Gallego o 25 de xullo de 2016.

 
 
 

Comentarios


bottom of page